Liñas de investigación

  • Novas topoloxías helicoidais e orixe da vida.
  • O obxectivo deste programa de investigación é profundizar en como se produciu a transición entre procesos puramente químicos ata procesos biolóxicos complexos nas etapas iniciais do desenvolvemento da vida. Empregando unha aproximación bottom-up, levaranse a cabo experimentos en modelos de protocélulas onde moléculas sinxelas especialmente deseñadas poderán autoensamblarse de xeito controlado para faciliar a comprensión dos principios que rexen a definición de auto-sustentabilidade celular. En particular, deseñaranse novidosos péptidos helicoidais para acceder a arquitecturas supramoleculares de hélices super-enroladas que faciliten un incremento substancial da complexidade celular sen requirir dun grande esforzo sintético, o que facilitará acadar os obxectivos do programa.
  • Entrega de ácidos nucleicos.
  • Os ácidos nucleicos (ARN mensaxeiro, ADN, etc.) son biomoléculas que teñen un gran potencial terapéutico, aínda que precisan ser complementados con tecnoloxías que faciliten a súa chegada controlada ao seu lugar de acción dentro das células. Este programa de investigación pretende afondar nos esforzos iniciados hai 8 anos no grupo de investigación cara ao descubrimento de novas moléculas de base artificial que poidan transportar estes ácidos nucleicos tanto in vitro como in vivo. As estratexias pioneiras para o transporte de ácidos nucleicos consistirán na utilización de péptidos anfifílicos, clusters inorgánicos e novas formulacións de precursores químicos sinxelos que exploten o concepto de caotropicidade para atravesar membranas biolóxicas, a principal barreira que experimentan estas biomoléculas.
  • Transferencia de coñecemento de entrega de ácidos nucleicos.
  • Os salientables resultados de investigación básica e aplicada desenvoltos no grupo de investigación permitiron identificar novas tecnoloxías relacionadas coa entrega de proteínas e outras biomoléculas de interese biolóxico e terapéutico que teñen potencial para resolver algunhas necesidades críticas da industria farmacéutica na actualidade. Polo tanto, o obxectivo deste programa de investigación é levar a cabo as últimas etapas do proceso de valorización e transferencia tecnolóxica para achegar as devanditas tecnoloxías a un estadio de maduración superior que permita a súa comercialización. A correcta implementación deste programa resultará na constitución dunha empresa spin-off que fará accesible as empresas e á poboación en xeral as tecnoloxías de entrega de biomoléculas totalmente funcionais e validadas.