Concepciones sobre las finalidades y objetivos de la Educación Física en enseñanzas secundarias desde la perspectiva de los participantes en el proceso de formación del profesorado

  1. Óscar Romero Chouza
Dirixida por:
  1. Miguel González Valeiro Director
  2. Joaquín Lago Ballesteros Director

Universidade de defensa: Universidade da Coruña

Ano de defensa: 2021

Tribunal:
  1. Francisco-Alberto Arruda Carreiro da Costa Presidente/a
  2. María Ángeles Fernández Villarino Secretario/a
  3. Cristian Abelairas Gómez Vogal

Tipo: Tese

Teseo: 680533 DIALNET lock_openRUC editor

Resumo

O obxectivo principal desta tese doutoral foi coñecer cales son os obxectivos e/ou finalidades da materia de Educación Física no currículo escolar desde o prisma dos participantes no proceso de formación do profesorado de Educación Física e analizar a evolución das súas concepcións ó longo das diferentes fases polas que está composta a socialización profesional do profesorado. A mostra do estudo está composta por (1) 398 estudantes da Universidade da Coruña e da Universidade de Vigo que comezaron os seus estudos de Grao en Ciencias da Actividade Física e o Deporte no ano académico 2016/2014, finalizando o mesmo no curso 2016/2017 e realizaron o Mestrado Universitario en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanza de Idiomas no ano 2017/2018; (2) 120 docentes de Educación Física en activo en centros situados na contorna e área de influencia das citadas universidades e (3) 34 formadores de formadores que exercen a función docente nas Facultades de Ciencias do Deporte e da Educación Física en ambas universidades. Os instrumentos de recollida de datos para abordar a cuestión obxecto de estudo foron tres cuestionarios semiestruturados (un para o alumnado nos momentos de 1º e 4º de Grao; outro no momento de fin de Mestrado e, o terceiro en cuestión, para o profesorado de ensinanzas medias e docentes universitarios. Estes estaban formados por preguntas abertas e pechadas, organizadas en 3 dimensións no caso do alumnado en formación inicial (datos persoais, caracterización biográfica e concepción da actividade profesional) e 5 dimensións para os docentes en exercicio (datos persoais, caracterización biográfica, experiencias anteriores e presentes de ensinanza, concepcións da actividade profesional e concepcións sobre a formación inicial en Educación Física e deporte). Os datos obtidos analizáronse desde unha perspectiva (1) cuantitativa, describindo mediante frecuencias e porcentaxes aqueles elementos que os participantes referían como obxectivos e/ou finalidades da Educación Física no currículo escolar (fines educativos xerais, promoción do gusto pola actividade física, promoción de estilos de vida activos, promoción de aprendizaxes relacionados co deporte, promoción de aprendizaxes relacionados coa condición física e a saúde, promoción da aptitude física e promover a catarse), empregando a proba do Chi Cadrado para valorar posibles diferenzas significativas entre as categorías referenciadas e o grupo mostral, xénero e institución de pertenza dos enquisados, así como a V de Cramer para cuantificar o grao de asociación entre os elementos do estudo xa mencionados e (2) cualitativamente, analizando o número de categorías existente nas respostas e a evolución da calidade e/ou grao de reflexión que reflexan os enquisados sobre a cuestión obxecto de estudo. Os resultados acadados coinciden en sinalar as categorías fins educativos xerais, promover estilos de vida activos e promover aprendizaxes relacionados coa condición física e a saúde, independentemente do grupo mostral, como os principais propósitos da materia, sendo case testemuñal a presenza do resto de categorías. Ademais, atopáronse relacións de dependencia entre diferentes categorías referentes ós obxectivos e finalidades da Educación Física e o grupo mostral, xénero ou institución de pertenza dos participantes. En termos xerais, o colectivo do profesorado, marcadamente os formadores de formadores, realizan unha maior xustificación nas súas afirmacións, incorporando unha linguaxe máis coidada e apropiada para o campo de estudo, en comparación cos estudantes en formación inicial. A análise efectuada nas respostas de este último colectivo demostrou que non existe relación entre o nivel educativo no que se atopan e a calidade do discurso, sendo a tónica xeral a enumeración ou cita daqueles elementos que consideran como propósitos da materia, sen entrar en fonduras para explicar ou describir as ideas. Como conclusión, a formación inicial e continua do profesorado, así como a Educación Física escolar deberían afrontar unha transformación social e cultural que leve ós mozos a adquisicións dunha serie de coñecementos e competencias para desenvolver unha participación autónoma ó longo da súa vida na práctica de actividade física. Dado que as categorías que se relacionan con este cometido están amplamente presentes nas súas respostas, débese verificar que se están levando a cabo na práctica e que o alumnado das ensinanzas secundarias é partícipe deste discurso