Políticas de promoción de sectores eólicos periféricos.

  1. Varela Vázquez, Pedro
Dirixida por:
  1. María del Carmen Sánchez Carreira Director

Universidade de defensa: Universidade de Santiago de Compostela

Fecha de defensa: 20 de decembro de 2016

Tribunal:
  1. Xavier Vence Deza Presidente
  2. Isabel Bodas Freitas Secretario/a
  3. Anxo Calvo-Silvosa Vogal
Departamento:
  1. Departamento de Economía Aplicada

Tipo: Tese

Resumo

A enerxía eólica pode desempeñar un papel notable nas sociedades modernas mediante a diversificación enerxética, a loita contra o cambio climático e a través da creación de emprego e sendas tecnolóxicas. Neste sentido, a promoción desta fonte enerxética renovable é unha das principais prioridades nas axendas actuais de política enerxética. Non obstante, existen certas singularidades estruturais en contextos periféricos que poderían cuestionar as políticas de promoción sectoriais tradicionais. Os principais obxectivos desta tese de doutoramento consisten na cuantificación do impacto socioeconómico do sector eólico periférico galego na economía rexional, así como analizar a interacción entre as capacidades produtivas locais e os axentes multinacionais para modernizar este sector. Asemade, o deseño e implementación dun programa integral de actuacións para modernizar este sector tamén constitúe un obxectivo clave. En relación co estudo do impacto socioeconómico do sector eólico galego, a metodoloxía baséase nos modelos input-output e na análise da cadea de valor sectorial. Así mesmo, a análise das interaccións sectoriais fundaméntase nunha nova metodoloxía que combina o enfoque sistémico e evolucionista dos sistemas de innovación e a perspectiva das cadeas de valor globais. O enfoque target tamén se aplica no deseño e implementación do programa de actuación e a súa sincronización. As evidencias empíricas subliñan o impacto socioeconómico significativo do sector eólico na economía galega, en termos de creación de emprego e contribución ao PIB. Porén, a falta de masa crítica e a debilidade institucional, a inestabilidade lexislativa e o baixo desempeño innovador debilitan o desenvolvemento sectorial, desencadeando unha desaceleración importante. Ademais, a análise destaca o papel clave da complementariedade das políticas de fomento de mercados e de atracción de investimento estranxeiro directo, así como a diversificación cara unha economía ecolóxica mediante o fortalecemento do tecido produtivo local.