Del proceso de entrenamiento a la metodología del rendimiento en fútbolobservación del juego e interpretaciones de jugadores y entrenador
- Sanfiz Arias, Henrique
- Virginia López Alonso Director
Universidade de defensa: Universidade da Coruña
Fecha de defensa: 19 de setembro de 2024
- Constantino Arce Fernández Presidente
- Carlos Lago Peñas Secretario/a
- Silvia Sedano Campo Vogal
Tipo: Tese
Resumo
A comprensión do comportamento do xogador non se limita só aos procesos que ocorren exclusivamente no individuo ou no medio, senón que implica unha relación de interdependencia entre ambos. A investigación centrada en coñecer mellor ao deportista e, sobre todo, en conseguir que este e os seus adestradores se coñezan mellor, aínda son limitadas. Na actualidade, prevalecen procesos de adestramento que se basean en principios biolóxicos e que se complementan co coñecemento de indicadores descritivos de rendemento dalgúns equipos exitosos. Isto non é suficiente para optimizar a intervención de xogadores, adestradores e equipos no seu contexto, nin para avanzar no coñecemento metodolóxico propio e facilitar a optimización do rendemento de cada deporte e contexto. Sábese que non adoitan coincidir os comportamentos observados externamente na competición, a interpretación do que acontece e a intención previa dos xogadores e/ou adestradores. Esta tese pretende contribuír ao coñecemento e desenvolvemento do proceso de adestramento, aplicando o método científico, cara a unha Metodoloxía do Rendemento Deportivo (MRD) no fútbol, mediante a implementación complementaria de avaliacións subxectivas e obxectivas que impliquen a participación activa e consciente dos xogadores e do adestrador en escalas de tempo que cambian lentamente. Para iso realizáronse tres estudos. Os dous primeiros, realizados nun equipo de fútbol profesional, relacionan a observación do xogo, as interpretacións dos xogadores e do adestrador sobre os cambios de dirección da circulación do balón e as situacións de remate, respectivamente. O terceiro deles relaciona a observación do xogo coa autoavaliación dos xogadores e co-establecemento de obxectivos nun microciclo de adestramento dun equipo xuvenil de fútbol. Os resultados obtidos mostran que a observación externa do xogo non sempre se corresponde coa interpretación de como xogadores e entrenador entenden que poden ser máis eficaces, polo que xustificase a realización complementaria de avaliacións subxectivas e obxectivas, que impliquen a súa participación activa e consciente en escalas de tempo de cambio lento. Mediante o terceiro dos estudos comprobouse unha optimización do rendemento en competición das situacións propostas polos xogadores do equipo xuvenil como contido do microciclo de adestramento.