Respuesta del Eucaliptus Nitens a la fertilización con dosis crecientes de N-P-K en terrenos graníticos forestales: Penas Agudas

  1. Candia Bouso, María Olga
Dirixida por:
  1. Antonio Paz González Co-director
  2. Marcos Lado Co-director

Universidade de defensa: Universidade da Coruña

Fecha de defensa: 06 de outubro de 2022

Tribunal:
  1. Tomás Serafín Cuesta García Presidente
  2. Eva Vidal-Vázquez Secretario/a
  3. Tomás d'Aquino Freitas Rosa de Figueiredo Vogal

Tipo: Tese

Teseo: 744353 DIALNET lock_openRUC editor

Resumo

Malia a súa importancia económica, son poucos os estudos sobre as necesidades de fertilización do eucalipto en Galicia. Por este motivo, o obxectivo deste traballo foi determinar o efecto de cantidades crecentes de nitróxeno (N), fósforo (P), potasio (K), calcio (Ca), boro (B), así como a ausencia ou presenza doutros microelementos (M0) no tratamento de fertilización, sobre o crecemento de Eucalyptus nitens ao longo de cinco anos, utilizando o diámetro á altura do peito e o volume como variables de estudo. Esta investigación realizouse nunha plantación forestal da comarca da Mariña (N da provincia de Lugo). Para os ensaios seleccionáronse tres zonas próximas entre si, en cada unha das cales se prepararon 14 parcelas cun tamaño de mostra de polo menos 32 plantas cada unha. En cada parcela aplicouse un dos tratamentos de fertilización considerados, que incluiron catro doses de N, P e K, dúas doses de B (con adición ou sen adición) e dúas doses de micronutrientes (con adición ou sen adición). Ao inicio do estudo tomáronse mostras para analizar a composición do solo e análise foliar en cada zona. Monitorizouse o crecemento da planta durante 5 anos, utilizando un calibre dixital para medir o diámetro á altura do peito e un hipsómetro láser para medir a altura. Realizáronse medicións periódicas cada 6 meses durante o primeiro ano, e anualmente durante o resto do período de estudo. O volume da planta calculouse cun modelo dasométrico utilizando o diámetro e a altura como variables independentes. As medicións do diámetro e do volume inicial foron sometidas á proba de normalidade de Shapiro-Wilks mediante o paquete estatístico EPIDAT v 4.0. Aplicouse o test t de Student para comparar medias e realizáronse contrastes para valorar o efecto de cada tratamento fronte ao tratamento de fertilización estándar e ao control, expresado como diferenzas de diámetros finais e iniciais, así como diferenzas de volumes. Aplicouse un modelo lineal mixto para avaliar o efecto dos tratamentos sobre as variables analizadas. O nivel de significación para todas as probas estableceuse en p<0,05. Os solos das tres zonas son ácidos, de textura franco-arenosa, aínda que con contidos de arxila, materia orgánica, e relación C/N diferentes, o que poderían influír na dispoñibilidade de nutrientes en cada zona. Observáronse diferenzas estatisticamente significativas entre doses crecentes de NPK en comparación coa fertilización considerada estándar e en comparación co control (sen adición de fertilizantes). Na zona 3, este efecto evidenciouse de forma máis significativa, atopándose un aumento do crecemento ao aumentar as doses de nitróxeno e fósforo en comparación coa fertilización estándar. Non se puido definir globalmente un mellor tratamento para as tres áreas. As principais conclusións extraídas dos resultados foron: 1. En todos os casos, o tratamento sen fertilización (TT) presentou un crecemento menor en comparación con calquera dos outros tratamentos das tres zonas, aínda que só nunha delas estas diferenzas foron estatisticamente significativas. 2. Non houbo evidencia dun tratamento cunha maior resposta no diámetro final ou no volume final para todas as zonas, xa que a fertilización óptima dependeu da zona na que se realizou o ensaio. 3. Na zona 3, os tratamentos con doses máis altas de N e P presentaron un maior crecemento que o resto dos tratamentos aplicados. 4. Observouse unha maior resposta co tratamento de fertilización estándar en todas as zonas, expresada nun aumento de diámetro, aínda que non se atoparon diferenzas estatisticamente significativas con todos os tratamentos. 5. O efecto dos diferentes tratamentos de fertilización sobre o volume non foi significativo, debido á alta variabilidade intratratamento observada para esta variable.