A inclusión da crise climática no ensino secundario obrigatorio. Un estudo comparado do marco normativo e curricular en España

  1. Pérez Diez, Alejandro
Dirigida por:
  1. Pablo Ángel Meira Cartea Director
  2. Carmen Morán de Castro Directora

Universidad de defensa: Universidade de Santiago de Compostela

Fecha de defensa: 04 de marzo de 2022

Tribunal:
  1. Antonella Bachiorri Presidente/a
  2. Germán Vargas Callejas Secretario
  3. Francisco Hernández Heras Vocal
Departamento:
  1. Departamento de Pedagogía y Didáctica

Tipo: Tesis

Resumen

Esta tese doutoral enmárcase no proxecto de I+D+i RTI2018-094074- B-I00 (RESCLIMA-EDU2) e, a súa vez, alíñase coas seguintes subliñas do Programa de Doutoramento en Equidade e Innovación en Educación: 1.6. Equidade, cambio social e desenvolvemento sostible, 2.5. Innovación nas materias curriculares e 2.6. Políticas educativas innovadoras e xustiza social. Esta investigación artéllase en torno a tres obxectivos fundamentais: valorar o tratamento que as políticas de acción fronte ao CC a diversas escalas outorgan á educación; analizar o grao e características da inserción do marco conceptual e dimensións de referencia da Educación para o Cambio Climático (EpCC) no desenvolvemento curricular para a educación secundaria obrigatoria no contexto español; e realizar recomendacións estratéxicas para favorecer concreción curricular da EpCC no sistema escolar. Mediante un enfoque de investigación documental, levouse a cabo unha revisión sistematizada da literatura seguindo o modelo Framework Resiste-CHS. Doutra banda, realizouse unha análise de contido co propósito de valorar o tratamento, a relevancia e a significación da dimensión educativa nos principais documentos chave relativos a políticas de acción fronte á crise climática producidos a escala internacional, europea e española. Finalmente, deseñouse e aplicouse a cinco marcos curriculares (España, Andalucía, Cataluña, Galicia e País Vasco) un instrumento de análise de contido específico sobre o tratamento do CC na Educación Secundaria Obrigatoria, co obxectivo de profundar no papel que desempeña o marco curricular na transposición das ciencias do CC e na incorporación e tratamento das súas dimensións sociais. Os resultados constatan que tanto no campo das políticas ambientais como na súa concreción curricular no ensino secundario obrigatorio, existe unha disonancia entre as formulacións e os enfoques educativos propostos a nivel internacional e a súa integración a nivel nacional. No contexto escolar, postúlase a necesidade dunha estratexia sólida a distintas escalas xeográficas que sitúe a EpCC como un elemento central da acción educativa, considerando a elaboración e posta en marcha de currículos de emerxencia como unha liña prioritaria de actuación.