A nova emigración galega a europa no abrente do terceiro milenioperfil educativo e emprego

  1. González Blanco, María
Dirixida por:
  1. María Esther Olveira Olveira Director
  2. Vicente Peña Saavedra Director

Universidade de defensa: Universidade de Santiago de Compostela

Fecha de defensa: 09 de xullo de 2021

Tribunal:
  1. José Manuel Touriñán López Presidente
  2. Jorge Genaro Soto Carballo Secretario/a
  3. María Clara Faria Costa Oliveira Vogal
Departamento:
  1. Departamento de Pedagoxía e Didáctica

Tipo: Tese

Resumo

A investigación que aquí se presenta, dende a vertente educativa, céntrase no estudo da actual emigración galega con destino a Europa. O obxectivo principal deste traballo focalízase na análise dos perfís da nova emigración no eido educativo e laboral e así mesmo trata de afondar no coñecemento doutras características como a identidade, a integración, as relacións sociais ou as expectativas da colectividade emigrante galega. A temática da tese aborda o estudo da tipoloxía da emigración que ten lugar hoxe en día dende Galicia a Europa, para tratar de verificar se a corrente emigratoria galega se corresponde ou non co fenómeno do brain drain. A aproximación a esta realidade efectuouse tras investigar os fluxos migratorios na Galicia contemporánea e os trazos fundamentais dos perfís da xuventude na actualidade. A partir dunha metodoloxía de corte cualitativo e mediante o uso da técnica da entrevista procedeuse a recadar a información coa mostra obxecto de estudo que está emigrada en distintos países do continente europeo. Os resultados acadados constatan que esta corrente de emigración está integrada por persoas cun perfil educativo onde predomina o nivel de estudos superior. Dentro da poboación galega examinada, identifícanse dous colectivos principais: un que se corresponde cun grupo que desempeña as súas funcións no ámbito formativo-laboral da investigación e outro que está integrado por aquelas persoas que están adscritas a outros sectores do mercado de traballo. Como conclusións xerais destácase que a emigración galega actual implica unha perda de capital humano e intelectual para Galicia e, polo tanto, é necesario desenvolver accións na esfera política para intentar mitigar os efectos negativos da mesma na sociedade de orixe e tratar de crear canles de intercambio de coñecemento que poidan incidir positivamente no país emisor. Neste senso, é relevante que se continúe estudando este fenómeno social dende a educación para profundar na análise da actual emigración galega e agárdase que a investigación realizada sexa o xerme para que outras persoas investigadoras poidan desenvolver futuros traballos sobre a temática examinada.