Cambio e resiliencia na agricultura e xestión de recursos vexetais no nw da península ibérica (1000 a.N.E.–400 d.N.E.)

  1. Teira Brión, Andrés Manuel
Dirixida por:
  1. Josefa Rey Castiñeira Director
  2. Ramon Buxó Capdevila Director

Universidade de defensa: Universidade de Santiago de Compostela

Fecha de defensa: 06 de novembro de 2019

Tribunal:
  1. Natalia Alonso Martínez Presidente/a
  2. Ana María Suárez Piñeiro Secretaria
  3. Joao Pedro Vicente Tereso Vogal
Departamento:
  1. Departamento de Historia

Tipo: Tese

Resumo

Nos comezos do I milenio a.n.e., a converxencia dunha serie de dinámicas no noroeste da Península Ibérica cristalizaron nun marco de relacións sociais, cimentadas sobre un modelo de asentamento novidoso, o castro. A agricultura foi un dos eixes económicos vertebradores deste proceso. Os cultivos e as especies vexetais silvestres tiveron roles cambiantes, levando a modificar os vínculos co entorno circundante e a adoptar estratexias de xestión diferenciadas ao longo do tempo. A carpoloxía é unha disciplina que, a través dos macrorrestos de sementes e froitos, indaga na relación dos seres humanos cos recursos vexetais e a produción de alimentos. O seu estudo conta con precedentes no noroeste, cun estado do coñecemento xa asentando na literatura arqueolóxica. O propósito desta tese é: 1) observar a explotación agrícola comunidades dos castros e doutros modelos de asentamento coetáneos, e 2) determinar as pautas polas que se rexeron os sistemas agrarios entre o Bronce Final e o Período Romano. Para isto partiuse de dous obxectivos. Por un lado, o incremento a cantidade de información dispoñible coa análise carpolóxica de 15 xacementos maiormente inéditos. Por outro, a integración das análises carpolóxicas publicadas con datos cuantitativamente comparables. Para expresar a influencia da metodoloxía arqueobotánica e as disimetrías derivadas da preservación e do tamaño da mostra na construción dos conxuntos carpolóxicos fíxose unha análise estatística dos resultados. Esta permitiu establecer comparacións e definir problemáticas dos métodos aplicados. A análise amosa como a mostraxe e o método, así como os elementos antrópicos e naturais que determinan a formación dos conxuntos, condicionan a representatividade das especies na construción de hipóteses. As dinámicas nos sistemas agropecuarios e na explotación do medio foi un andar de cambios e continuidades ao longo do I milenio a.n.e. Os resultados observados inciden no desenvolvemento dunha agricultura cunha diversidade de cultivos, baseada na combinación de cereais de inverno e primavera –trigos, cebadas, millo miúdo e paínzo– e legumes –fabas e chícharos. Produciuse unha xestión de froitos das masas forestais con interese alimentario coma, entre outros, as landras. O incremento e ubicuidade dos cereais, así como a determinación dunha ampla variedade de estruturas e formas de almacenaxe, implican a produción cerealeira como base dunha acumulación e intensificación de excedentes no ámbito doméstico e, posiblemente, clave para comprender procesos de concentración da riqueza e diferenciación social, habitualmente expresados a través da significación bens de prestixio, elementos construtivos ou asentamentos coma os oppida. A chegada de Roma supuxo cambios nas estratexias de explotación, agora en mans dun ente administrativo que cohesionou o noroeste e expandiu os seus círculos de relación. A integración nos circuítos atlánticos e mediterráneos implicou a chegada de novos cultivos –centeo, melón– especies froiteiras –pexegueiro, ameixeira– así coma a xestión de especies naturalizadas no medio baixo, posiblemente, variedades domésticas –castiñeiro, cerdeira, vide. A implantación de novos modelos de poboamento implicou a diversificación dos sistemas agrarios, definíndose asentamentos agrícolas, lugares destinados esencialmente á produción ou ao consumo destas producións. Os núcleos produtivos agrícolas especializados coexistiron con asentamentos rurais, entre os cales perduraron os castros. As producións e especies cun probable maior nivel adquisitivo chegaban con maior intensidade aos aglomerados urbanos. Nestes ámbitos, xurdidos do escenario socioeconómico romano, emerxeron novos contextos e prácticas de consumo.