Políticas de promoción de sectores eólicos periféricosEstudo do sector eólico galego

  1. Pedro Varela Vázquez 1
  2. María del Carmen Sánchez Carreira dir. 1
  1. 1 Universidade de Santiago de Compostela
    info

    Universidade de Santiago de Compostela

    Santiago de Compostela, España

    ROR https://ror.org/030eybx10

Revista:
Revista galega de economía: Publicación Interdisciplinar da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais

ISSN: 1132-2799

Ano de publicación: 2017

Volume: 26

Número: 1

Páxinas: 117

Tipo: Artigo

Outras publicacións en: Revista galega de economía: Publicación Interdisciplinar da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais

Resumo

A enerxía eólica pode desempeñar un papel notable nas sociedades modernas mediante a diversificación enerxética, a loita contra o cambio climático e a creación de emprego e sendas tecnolóxicas. Neste sentido, a promoción desta fonte de enerxía renovable é unha das prioridades nas axendas actuais de política enerxética. Non obstante, existen certas singularidades estruturais en contextos periféricos que poderían cuestionar as políticas de promoción sectoriais tradicionais. Os principais obxectivos desta tese de doutoramento consisten en cuantificar o impacto económico do sector eólico periférico galego na economía rexional, así como analizar a interacción entre as capacidades produtivas locais e os axentes multinacionais para modernizar este sector. Asemade, o deseño e implementación dun programa integral de actuacións para modernizar este sector tamén constitúe un obxectivo clave. En relación co estudo do impacto económico do sector eólico galego, a metodoloxía baséase nos modelos input-output e na análise da cadea de valor sectorial. A análise das interaccións sectoriais fundaméntase nunha nova metodoloxía que combina o enfoque sistémico e evolucionista dos sistemas de innovación e a perspectiva das cadeas de valor globais. O enfoque de políticas estratéxicas tamén se aplica no deseño e implementación do programa de actuación e a súa sincronización. Esta tese de doutoramento estrutúrase en sete capítulos, ademais da introdución, conclusións, bibliografía e anexos. No primeiro capítulo analízanse os fundamentos dos diferentes enfoques teóricos adoptados neste traballo. O segundo capítulo presenta as principais características e tendencias do sector eólico a nivel mundial, centrándose na evolución histórica e nos principais mercados e axentes presentes. O seguinte capítulo analiza os instrumentos de promoción do sector eólico, clasificándoos segundo o seu horizonte temporal e a súa orientación. O capítulo cuarto estuda diferentes experiencias de desenvolvemento do sector eólico a nivel internacional, así como os principais modelos de desenvolvemento rexional existentes en España. O quinto capítulo aborda a evolución histórica e a situación actual do sector eólico galego. O sexto capítulo céntrase en cuantificar o impacto económico do desenvolvemento da enerxía eólica na economía galega no período 2000-2010. Finalmente, o sétimo capítulo presenta o conxunto de políticas dirixidas a fomentar a emerxencia e consolidación do sector eólico galego. As evidencias empíricas subliñan o impacto económico significativo do sector eólico na economía galega, en termos de creación de emprego e contribución ao PIB, especialmente no sector industrial. Porén, a falta de masa crítica e a debilidade institucional, a inestabilidade lexislativa e o baixo desempeño innovador debilitan o desenvolvemento sectorial, desencadeando unha desaceleración importante. Ademais, a análise destaca o papel clave da complementariedade das políticas de fomento de mercados e de atracción de investimento estranxeiro directo, así como a diversificación cara unha economía ecolóxica mediante o fortalecemento do tecido produtivo local.