Emprego de sistemas silvopastorais en Galiza

  1. Mosquera Losada, María Rosa
  2. Rigueiro Rodríguez, Antonio
Revista:
Adega cadernos

ISSN: 1137-0262

Ano de publicación: 2007

Título do exemplar: Incendios forestais: causas e solucións

Número: 19

Páxinas: 49-52

Tipo: Artigo

Outras publicacións en: Adega cadernos

Resumo

Os sistemas agroforestais, e dentro deles os silvopastorais, son formas sostíbeis de uso do territorio tal e como se sinala na Axenda 21 no ano 1992. Os sistemas silvopastorais integran na mesma unidade de manexo arborado e pasto para alimentar aos animais. O uso de sistemas silvopastorais na nosa comunidade autónoma era estendido hai algúns anos. Hoxe en día, o manexo de terreo agrícola e forestal faise, na maior parte do noso territorio, de forma separada. Este manexo ten vantaxes pero presenta problemas de tipo medio ambientais debido ás elevadas cargas gandeiras, que fomentan a contaminación difusa dos nosos ríos. Pola contra, a produción da superficie forestal é mais acorde co medio ambiente, pero presenta problemáticas derivadas da produción de rendas a longo prazo que orixina o éxodo rural, sen esquecer, no caso de Galiza e do Norte de Portugal o importante risco de incendios nestas áreas. A comparación, dende un punto de vista económico dos tipos de manexo agrícola, forestal e agroforestal, confírelles certa vantaxe a estes últimos. Así as inversións realizadas para o establecemento de explotacións gandeiras compénsanse rapidamente, en comparación coas exclusivamente forestais nas que non se obtén renda ate que se efectúa a primeira clara ou xa na corta final. En moitos casos, se exceptuamos os eucaliptos, isto sucede despois de 25-30 anos despois do establecemento. Os sistemas agroforestais, permiten, ao igual que os agrícolas, obter renda dende o seu establecemento, ao mesmo tempo que se incrementa o valor da terra a longo prazo derivado do crecemento do arborado que provoca un incremento da rendibilidade do monte próxima ao 25%. A produción de pasto non se ve seriamente minguada se a cobertura arborada está por debaixo do 55%. Os sistemas agroforestais reducen os gastos de mantemento, en comparación cos sistemas forestais, xa que non son precisos os desbroces, e ao mesmo tempo é unha forma de reducir o risco de incendios.