Avaliación da memoria e aprendizaxe verbal no Deterioro Cognitivo Lixeiro

  1. Campos Magdaleno, María
Dirixida por:
  1. Arturo X. Pereiro Rozas Director
  2. David Facal Mayo Co-director
  3. Onésimo Juncos Rabadán Titora

Universidade de defensa: Universidade de Santiago de Compostela

Fecha de defensa: 10 de marzo de 2017

Tribunal:
  1. Soledad Ballesteros Jiménez Presidente/a
  2. Fernando Díaz Fernández Secretario
  3. Alexandre Tourino Mendonça Vogal
Departamento:
  1. Departamento de Psicoloxía Evolutiva e da Educación

Tipo: Tese

Resumo

O Deterioro Cognitivo Lixeiro (DCL) é unha entidade clínica utilizada para describir as persoas que presentan queixas subxectivas de deterioro cognitivo (confirmadas por un informante) e deterioro obxectivo en un ou máis dominios cognitivos, que non afecta significativamente as actividades básicas nin instrumentais da vida diaria. Habitualmente enténdese como unha fase intermedia nun contínuum entre o envellecemento normal e a demencia, ou como unha fase prodrómica da Enfermidade de Alzheimer. O Test de Aprendizaje Verbal de España-Complutense (TAVEC) é a versión española do California Verbal Learning Test (CVLT), un instrumento baseado en listas de palabras que permite avaliar distintas formas de recordo, a utilización de estratexias, e os tipos de erros. Este instrumento conta cunha adecuada validez e fiabilidade, e unha estrutura interna que indica que as variables agrúpanse con respecto aos constructos hipotéticos que representan. A estrutura interna do CVLT foi analizada en diferentes mostras clínicas, e neste traballo avaliarase dita estrutura do TAVEC nunha mostra clínica de participantes maiores de 50 anos con queixas subxectivas de deterioro cognitivo. Os estudos previos que indican que as persoas con DCL tenden a presentar dificultades na adquisición e aprendizaxe das palabras, curva de aprendizaxe estancada, maior taxa de esquecemento, menor utilización de Estratexias Semánticas, e maior número de erros. Sen embargo, nestes estudos non se contemplan diferentes subtipos de DCL que permitan establecer os patróns de rendemento asociados a cada un deles. Neste traballo realízase unha análise do rendemento nas diferentes variables do TAVEC en tres subgrupos de DCL, uni- e multidominio amnésico, e multidominio non amnésico. Tamén se estuda, por outra banda, o rendemento en memoria nunha mostra de persoas con queixas subxectivas de deterioro cognitivo a través dunha análise de conglomerados. Os conglomerados clasifican aos participantes mediante criterios empíricos, utilizando o rendemento cognitivo, e permítese, así, precisar se se corresponden cos establecidos a través dos criterios diagnósticos clínicos. O control do efecto da práctica, un fenómeno que se produce pola utilización repetida dun mesmo instrumento, e a determinación dos cambios clinicamente significativos é outro dos temas importantes abordados na literatura con respecto as avaliacións de seguimento do deterioro da memoria. Neste traballo realízase unha comparación entre a avaliación de liña base e unha avaliación de seguimento para determinar a existencia do efecto da práctica e os cambios significativos de rendemento cognitivo. En xeral, os estudos que se integran nesta tese poñen de manifesto que o TAVEC é unha ferramenta robusta, cunha estrutura interna baseada en dous factores, Eficacia da Memoria e Inexactitude da Memoria. Obtivéronse patróns diferenciais para cada un dos subtipos de DCL en canto ao rendemento nas variables do TAVEC, onde o DCL multidominio amnésico presenta o maior grao de deterioro en memoria, o DCL unidominio amnésico presenta un grao intermedio, e o DCL multidominio non amnésico o rendemento en memoria máis preservado dos restantes grupos analizados. A través da análise de conglomerados obtivéronse catro subtipos que resultaron útiles a hora de detectar correctamente as persoas con DCL amnésico, con un bo nivel de sensibilidade. Finalmente, o estudo lonxitudinal confirmou a existencia do efecto da práctica para o TAVEC tanto nos grupos con DCL como no grupo de rendemento obxectivo normal. Apareceron cambios significativos de rendemento para os grupos DCL amnésico que indican que o grupo DCL unidominio mostra un deterioro principalmente nas variables de recordo, mentres que e o DCL multidominio obtén un deterioro nas variables de recordo e un aumento dos erros. As persoas cun rendemento obxectivamente normal tenden a permanecer estables.