A cultura popular na Galicia medievalocio e devocións

  1. Coira Pociña, Juan
Dirixida por:
  1. María Luz Ríos Rodríguez Director

Universidade de defensa: Universidade de Santiago de Compostela

Fecha de defensa: 15 de xaneiro de 2016

Tribunal:
  1. María Isabel del Val Valdivieso Presidente/a
  2. Israel Sanmartín Barros Secretario
  3. Luís Carlos Correia Ferreira do Amaral Vogal
  4. Francisco Javier Pérez Rodríguez Vogal
  5. Domingo L. González Lopo Vogal

Tipo: Tese

Resumo

Esta investigación partiu da idea de que a cultura popular, neste caso concreto no marco territorial de referencia do noroeste da Península Ibérica, debería ser unha temática máis presente no estudo da Idade Media, pois case a totalidade da poboación era parte e partícipe desta cultura e das súas variantes locais, ou cando menos coñecía e comprendía as súas implicacións e significados. Dentro das súas manifestacións, este traballo céntrase en tres: o ocio, a concepción do tempo e a devoción. E, de xeito preeminente, a atención xira en torno ao ocio e a súa relación coa segunda (a concepción do tempo) e coa terceira (a devoción). O ocio e os seus tempos e momentos, como o resto de manifestacións humanas, aportan unha boa información sobre as sociedades, tanto do presente como por suposto do pasado; especialmente, en determinados contextos temporais como son as festividades. A través do seu estudo, pódese apreciar a súa relevancia na concepción do tempo e na estruturación do calendario, sobre todo grazas a un dos seus elementos: o rito, nexo entre o pasado e o presente. A festividade amosábase como un contexto temporal fundamental na Idade Media, tanto cuantitativamente como cualitativamente, e de aí que, nas súas diversas formas, estiveran presentes nos diferentes calendarios que regulaban o paso do tempo: artísticos, litúrxico, socioeconómicos, etc. A festividade era tamén o marco temporal no que a ligazón entre o ocio e a devoción máis estreita era. O culto non era nin moito menos incompatible co desfrute, de tal xeito que ámbolos dous se vían reforzados: o culto cunha vertente profana que animaba á poboación a asistir, e o ocio cun compoñente sacro que lle confería unha maior xustificación. Nese marco, a cultura popular tivo un dos seus principais canais de expresión e da súa relación co Cristianismo xurdiu unha relixiosidade rica e complexa cunhas prácticas e crenzas que se mantiveron na mentalidade e cultura durante séculos. Mais, a pesares da importancia da festividade, o ocio, como a devoción, non se restrinxía a este contexto temporal. A vida cotiá foi tamén escenario das súas manifestacións concretas como a risa, a música e baile, o comer e o beber ou o xogo. Estas manifestacións e a súa relación co cristianismo oficial foron evolucionando ao longo da Idade Media, producíndose un proceso de aculturación no que as dúas culturas, a popular e a cristiá, aportaron. O resultado desta relación, non exenta de dificultades, contradicións e mesmo algunha confrontación, determinou a cultura medieval.