As construcións para gando vacún, sistema produtivo e organización do traballo na explotación

  1. Pérez Cancio, Xosé
Dirixida por:
  1. María Elena Fernández Rodríguez Director
  2. Xoan Carlos Carreira Pérez Director

Universidade de defensa: Universidade de Santiago de Compostela

Fecha de defensa: 17 de decembro de 2015

Tribunal:
  1. Ramón Angel Mariño Allegue Presidente
  2. Manuel Méndez Lodos Secretario
  3. José Pedro P. de Araujo Vogal
  4. Joaquim Orlando Lima Cerqueira Vogal
  5. Jesús Cantalapiedra Vogal
Departamento:
  1. Departamento de Enxeñaría Agroforestal

Tipo: Tese

Teseo: 402030 DIALNET

Resumo

A presente tese pretende analizar o deseño dos aloxamentos para gando vacún leiteiro dende dúas perspectivas. Primeiramente, analizouse a súa influencia sobre a eficiencia do traballo das persoas encargadas de coidar os animais. En segundo lugar, analizouse a influencia do deseño dos aloxamentos gandeiros e a simplicidade construtiva de xeito que sexa compatible co benestar dos animais. A primeira perspectiva da análise abordouse mediante o estudo do tempo de traballo ordinario nas explotacións galegas, avaliando a influencia do tamaño do rabaño e o grao de tecnificación na duración das actividades de alimentación, muxidura e limpeza. Conclúese que o tempo total de traballo ordinario non parece estar relacionado co número de animais, senón con factores alleos á propia eficiencia da man de obra, como a forma de concibir o traballo, a decisión de mecanizar con independencia do tamaño da granxa, etc. Dada a importancia observada da muxidura no traballo ordinario, analizáronse distintas alternativas no deseño das salas de muxidura en espiña para determinar a eficiencia do traballo conseguida nelas e, en consecuencia, establecendo as condicións necesarias para a optimización do seu dimensionamento. A segunda perspectiva abordouse mediante a análise dos aloxamentos con cortes de dúas filas de cubículos cabeza-con-cabeza xa que, por unha banda, o benestar individual dos animais estará condicionado polos parámetros de distribución en planta e, por outra banda, a organización do conxunto da corte influirá na existencia de interferencias negativas entre as vacas cando aceden ás zona de descanso ou alimentación. Para elo, definíronse dous índices de cow comfort baseados nas dimensións dos elementos que forman a corte e a súa organización. A súa validez contrastouse cos datos obtidos dunha mostra de explotacións visitadas; deste xeito, os índices permítennos analizar e avaliar o deseño das cortes dende a perspectiva do benestar animal. Tamén se considerou como afecta a variación dos parámetros principais de deseño ao encaixe dimensional das distintas áreas e ao volume de aire estático dispoñible por animal. Conclúese que os corredores de cruzamento deben ser coidadosamente deseñados porque ademais de ser imprescindibles para o movemento dos animais, tamén facilitan o axuste dimensional. Outra conclusión que se observa é que a utilización dos valores mínimos recomendados para os distintos parámetros básicos de distribución en planta estudados, fundamentalmente anchura de cubículo e espazo por vaca no comedeiro, non facilitan o encaixe dimensional ademais de ser cuestionables dende o punto de vista do benestar individual de cada vaca.