Competencias e prácticas científicas no laboratorio de químicaparticipación do alumnado de secundaria na indagación

  1. Crujeiras Pérez, Beatriz
Dirixida por:
  1. María Pilar Jiménez Aleixandre Director

Universidade de defensa: Universidade de Santiago de Compostela

Fecha de defensa: 12 de decembro de 2014

Tribunal:
  1. José Manuel Domínguez Castiñeiras Presidente
  2. Ramón Cid Manzano Secretario/a
  3. Digna Couso Vogal
  4. Ángel Blanco-López Vogal
  5. Andri Christoudoulou Vogal
Departamento:
  1. Departamento de Didácticas Aplicadas

Tipo: Tese

Resumo

Nesta tese examínase: a) o desenvolvemento da competencia científica de alumnado de secundaria a través da súa participación nas prácticas de planificación e posta en práctica de investigacións e de análise e interpretación de datos; e b) as estratexias docentes encamiñadas á transferencia de responsabilidade ao alumnado na indagación. O estudo lévase a cabo ao longo de dous cursos consecutivos (3º e 4º de ESO) e consiste na realización de cinco tarefas de laboratorio de indagación cunha duración de dúas sesións cada unha nas que o alumnado traballa en pequeno grupo e dunha tarefa final individual de lápiz e papel. Para a toma de datos graváronse as sesións de laboratorio en audio e vídeo, posteriormente foron transcritas, utilizando pseudónimos para respetar a intimidade de estudantes e profesores. Para a análise dos datos utilízase a estratexia de análise do discurso, empregando as transcricións para elaborar as rúbricas de análise correspondentes a cada pregunta de investigación. Os resultados apuntan a: a) Existen diferenzas nas categorías de prácticas epistémicas levadas a cabo polo alumnado entre as tarefas, entre fases (planificación e posta en práctica) e entre tipos de operacións (de tipo xeral e de tipo indagativo). b) Un modesto progreso dos desempeños do alumnado ao longo do estudo nas prácticas científicas de: 1) planificación e posta en práctica de investigacións; e 2) análise e interpretación de datos. En canto á práctica de deseño e posta en práctica de investigacións, identifícase unha frecuencia menor no número de episodios adicados a cada operación epistémica nas tarefas finais do estudo (4 e 5), que relacionamos coa familiarización do alumnado coa forma de resolver este tipo de tarefas. Ademais o alumnado evoluciona no deseño de investigacións, ao final do estudo son capaces de elaborar deseños que permiten resolver a tarefa sen a axuda do profesor. En canto á práctica análise e interpretación de datos, os resultados indican unha evolución positiva, de menor a maior regulación na interpretación de resultados anómalos obtidos na posta en práctica das planificacións en dous dos tres grupos (O/O¿ e T/T¿). c) Unha serie de estratexias docentes que son máis axeitadas para promover a participación do alumnado na indagación. No noso estudo as estratexias máis axeitadas consisten en promover a avaliación de coñecemento a través de preguntas abertas e mediante a modelización de procesos. Por tanto suxerimos a necesidade de introducir de forma regular nas aulas tarefas de laboratorio que permitan a participación do alumnado nas prácticas científicas xa que estas permiten desenvolver a competencia no deseño de indagacións científicas (OCDE, 2013). Non obstante somos conscientes de que levar a cabo este tipo de tarefas presenta dificultades non só para o alumnado senón tamén para o profesorado, que precisa ser formado en como promover a participación do alumnado neste tipo de tarefas de forma efectiva.