O repertorio para clarinete e piano de compositores galegos (1947-2010)

  1. LEIVA PIÑEIRO, ASTERIO
Dirixida por:
  1. Luis Costa Vázquez Director

Universidade de defensa: Universidade de Vigo

Fecha de defensa: 29 de xaneiro de 2016

Tribunal:
  1. Celsa Alonso González Presidente/a
  2. Francisco Javier Garbayo Montabes Secretario
  3. Carlos Villar Taboada Vogal

Tipo: Tese

Resumo

“O repertorio para clarinete e piano de compositores galegos (1947-2010)” é unha tese doutoral cuxo principal obxectivo remite ao afondamento no catálogo de obras concibidas por autores galegos para o dúo camerístico de clarinete e piano, as cales, a teor da variedade estilística e calidade musical que atesouran, eríxense nunha mostra altamente representativa da creación musical en Galicia dende mediados do século XX ata a actualidade. Non obstante, este repertorio específico apenas suscitou interese no marco das investigación musicolóxicas en Galicia, aspecto polo que o presente traballo pretende cubrir ese baleiro mediante o exame analítico da meirande parte de pezas escritas para esta formación ¿co fin de escudriñar os seus trazos construtivos máis destacados, amais de profundizar nos periplos vitais e artísticos dos autores¿ como medio para potenciar a súa progresiva normalización no panorama musical galego e alén das nosas fronteiras. Artellada en tres partes conforme a un ordenamento cronolóxico dos compositores, esta memoria de investigación estrutúrase en doce capítulos que se corresponden con cadansúa obra obxecto de estudo: a primeira parte contén o achegamento analítico ás pezas “Sonata para clarinete y piano” (1947) de Jesús Bal y Gay, “Motivaciones-2” (1978) de Carlos López García-Picos, “Reminiscencias” (2001) de Rogelio Groba e “Sonata para clarinete e piano” (2009) de Eligio Vila, exemplo do labor creativo que desenvolveron os compositores nacidos na primeira metade do século XX"; no tocante á segunda parte, relativa aos nados en torno a 1960, supón o tratamento das obras “Troubled” (2010) de Margarita Viso, “Catro pezas para clarinete e piano. Op. 184” (2009) de Paulino Pereiro, “Sonata para clarinete e piano” (1989) de Luís Carro, “Catro dúos para clarinete e piano” (2007) de Carlos Cambeiro e Sonatina (1998) de Juan Durán;" finalmente, os tres últimos capítulos entroncan coa produción das novas xeracións de compositores galegos a partir da análise das pezas “Sonata for Clarinet and Piano” (2009) de Octavio Vázquez, “Metaplasmos” (2010) de Juan Eiras e “Tres momentos musicales” (2006) de Karolis Biveinis. Amais do manexo das fontes documentais primarias –partituras e rexistros sonoros–, enriquecido coa abordaxe interpretativa das devanditas pezas, o contacto mantido no curso da investigación cos compositores –no caso dos vivos– permitiu recoller datos de primeira man ao respecto da concepción das obras e contar coa súa supervisión analítica na elaboración dun documento que non só pretende servir como canle de información para os seus futuros intérpretes e ouvintes, senón tamén converterse nunha mostra relevante do panorama compositivo galego dende mediados do século XX ata os nosos días.