Cara unha televisión educativa centrada no desenvolvemento global do nenoo caso de Pocoyó

  1. Quinteiro Otero, Esther
Dirixida por:
  1. Xosé Soengas Pérez Director

Universidade de defensa: Universidade de Santiago de Compostela

Fecha de defensa: 24 de marzo de 2015

Tribunal:
  1. José Ignacio Aguaded Gómez Presidente/a
  2. Mónica Valderrama Santomé Secretario/a
  3. Francisco Campos Freire Vogal
  4. Valentín Alejandro Martínez Fernández Vogal
  5. Jorge Pedro Sousa Vogal
Departamento:
  1. Departamento de Ciencias da Comunicación

Tipo: Tese

Resumo

A televisión educativa deseña os seus espazos ao servizo da intencionalidade didáctica, respectando especialmente os trazos e necesidades específicas da audiencia cando se dirixe aos cativos. Deste modo, a investigación presenta un obxectivo central: analizar os contidos educativos orientados ao desenvolvemento global do neno no programa de televisión destinado á etapa de Educación Infantil Pocoyó. Esta guía central desenvólvese nos seguintes obxectivos específicos: 1. Determinar a ensinanza das competencias básicas e habilidades cognitivas, afectivas e sociais da etapa de Educación Infantil nos capítulos de Pocoyó. 2. Demostrar se existe preponderancia da educación emocional fronte á cognitiva nos capítulos de Pocoyó. 3. Examinar a estruturación dos contidos educativos ao longo dos capítulos. 4. Identificar os mecanismos empregados para a transmisión dos contidos educativos e a función que cumpren as personaxes na mesma. 5. Establecer un método de avaliación que determine a calidade educativa dun programa para a etapa correspondente á Educación Infantil. 6. Concluír os aspectos de Pocoyó que serven de modelo para outros programas infantís con vontade educativa. Na procura destes obxectivos, elabórase unha análise de contido dos 104 capítulos da serie. Emprégase como técnica de recollida de datos a ficha, a cal se estrutura en catro construtos teóricos: os contidos educativos, a estruturación dos contidos educativos, a transmisión dos contidos educativos e a valoración global. Obtéñense así uns resultados que reflicten un deseño como mínimo medianamente orientado á finalidade didáctica no 100% dos episodios, destacando o 70,19% dos mesmos por estar moi orientados. Deste modo, os tres actos do capítulo configúranse para que exista unha relación estreita entre a trama e o contido educativo en tódolos episodios, sobresaíndo a intensificación do contido educativo, a indución á reflexión e as mensaxes educativas explícitas como os principais mecanismos de transmisión. Así mesmo, as tres áreas que agrupan os contidos educativos teñen unha prevalencia superior ao 99% dos capítulos. Desenvolven unha media de 46,28 ítems por episodio, dos que 31,11 pertencen á educación emocional, a área predominante da serie. Estes datos permiten verificar as seguintes hipóteses establecidas previamente: 1. Pocoyó constitúe un programa educativo infantil que procura o desenvolvemento das competencias básicas e das habilidades nas vertentes cognitiva, afectiva e social. 2. Pocoyó reforza os contidos educativos enmarcados na educación emocional fronte aos cognitivos. 3. O deseño dos capítulos de Pocoyó atende, na estruturación dos contidos, na súa transmisión e na función das personaxes a unha finalidade didáctica. 4. Pocoyó representa un modelo de televisión educativa para os programas destinados ao público na etapa de Educación Infantil.