Unha perspectiva tecnolóxica e experimental das industrias sobre lousa, cristal de rocha e cuarzo na prehistoria recente do noroeste peninsular

  1. Rodríguez Rellán, Carlos
Dirixida por:
  1. Ramón Fábregas Valcarce Director

Universidade de defensa: Universidade de Santiago de Compostela

Fecha de defensa: 10 de maio de 2010

Tribunal:
  1. Germán Delibes de Castro Presidente/a
  2. María Remedios Serna González Secretario/a
  3. Antonio Faustino Carvalho Vogal
  4. Leonardo García Sanjuán Vogal
  5. Sérgio Monteiro Rodrigues Vogal
Departamento:
  1. Departamento de Historia

Tipo: Tese

Teseo: 288248 DIALNET

Resumo

A Tese de Doutoramento Unha perspectiva tecnolóxica e experimental das industrias sobre lousa, cristal de rocha e cuarzo na Prehistoria Recente do Noroeste Peninsular supón un achegamento ás industrias líticas talladas sobre materias primas de orixe local recuperadas durante as intervencións realizadas en varios xacementos neolíticos e calcolíticos do cuadrante noroeste da Península Ibérica: os xacementos domésticos ó aire libre de Os Remedios, Lavapés (Cangas, Pontevedra) o de O Regueiriño (Moaña, Pontevedra), o abrigo con arte rupestre e con evidencias de ocupacións domésticas e funerario-rituais do Santuario (Trabazos de Aliste, Zamora) así como o túmulo de Chousa Nova I e o espazo intertumular de Campomarzo (Silleda, Pontevedra), xacementos que na súa case totalidade foron intervidos no marco da denominada arqueoloxía de urxencia, vinculada á realización de obras públicas e construcións privadas. A gran escaseza que, na área de estudio, se da de materias primas criptocristalinas do tipo do sílex, o xaspe ou a calcedonia ten implicado que a practica totalidade dos conxuntos líticos tallados recuperados nos xacementos estean fabricados sobre as materias primas máis próximas ós lugares de habitación: fundamentalmente o cuarzo e, en menor medida, o cristal de rocha e a lousa. Este extraordinario dominio das materias primas locais durante a prehistoria recente non implicou, sen embargo, que este tivese sido o protagonista dunha análise en conxunto, centrándose os traballos no estudio de xacementos concretos. Estes estudios viñeron a completar, non obstante, un oco existente na investigación arqueolóxica tanto a nivel autonómico como, ate certo punto, nacional, derivado dun desinterese por parte dos especialistas cara aquelas industrias realizadas sobre materias primas pouco frecuentes. Esta Tese de Doutoramento pretendeu ser un paso máis na normalización da situación do coñecemento acerca das industrias líticas en materias primas distintas do sílex. A análise dos conxuntos recuperados nos devanditos xacementos serviu de base para a comparación e contraste cos resultados dun amplo protocolo experimental sobre o cristal de rocha, o cuarzo e a lousa que tivo como obxectivo a definición das problemáticas inherentes á explotación destas materias primas, así como tamén a identificación dos trazos básicos propios de cada unha das solucións técnicas aplicadas cuxa definición e posterior aplicación os conxuntos arqueolóxicos poderá permitirnos determinar a aplicación destas técnicas por parte dos grupos humanos da prehistoria recente, o que nos ofrecerá unha visión importante sobre o nivel de desenvolvemento técnico dos grupos humanos que habitaron o actual territorio galego e a parte noroccidental da Meseta entre os inicios do V e o II Milenio a.C. Estes protocolos experimentais se centraron na reprodución do proceso de produción lítica do cuarzo automorfo de hábito prismático mediante unha serie de técnicas, que variaron dende a percusión directa ate a presión, pasando pola percusión bipolar sobre bigornia. Os resultados destas explotacións foron analizados e tratados estatisticamente co fin de identificar aquelas variables máis características de cada unha das técnicas e que, polo tanto, poderían ser máis útiles para a súa identificación nos conxuntos arqueolóxicos. Estes experimentos sobre o cuarzo automorfo foron completados con protocolos nos que se analizou a incidencia do tratamento térmico sobre os soportes prismáticos así como a identificación dos principais parámetros subxacentes baixo as fracturas non antropoxénicas orixinadas pola exposición das pezas a altas temperaturas ou a forzas mecánicas de certa entidade, co que se pretendeu observar o impacto de distintos fenómenos posdeposicionais que puideron ter afectado ós conxuntos arqueolóxicos, feito especialmente importante en industrias provintes de xacementos como os galegos, con frecuencia intensamente alterados por fenómenos de erosión e removilización que teñen deixado ás industrias á mercé de lumes forestais ou labores agrícolas. Xunto cos experimentos en cuarzo e cristal de rocha, se abordou a reprodución do proceso de fabricación de proxectís en lousa con un alto grao de foliación, co obxectivo de medir a dificultade da súa produción así como as especificidades técnicas derivadas do traballo sobre unha materia prima cunhas peculiaridades tan marcadas como a lousa. Así mesmo, para comprobar a funcionalidade dos artefactos tanto experimentais como arqueolóxicos en comparación cos realizados en outras materias primas, se procedeu á realización dun exercicio de arqueiría contra un branco conformado por unha carcasa de suido eviscerada. A realización destas análises e protocolos experimentais deu como resultado a determinación dunha serie de conclusións, en primeiro lugar as prospeccións realizadas no entorno dos xacementos estudiados así como a reconstrución das teóricas áreas de captación dos recursos minerais, deron como resultado a definición dunhas estratexias de aprovisionamento dun marcado carácter local, nas que o groso das fontes de aprovisionamento de natureza primaria tanto como secundaria, estarían localizadas naquel marco espacial máis inmediato ó xacemento. Sen embargo, a explotación preferente de determinadas materias primas locais sobre outras non está totalmente determinada pola composición litolóxica do medio circundante; neste senso, unha explicación da adopción das materias primas locais en base exclusivamente á determinación imposta polo medio resulta reducionista. A explotación do cuarzo e a lousa tamén é resultado dunha adopción explícita e consciente por parte dos grupos humanos prehistóricos en función da aplicación de estratexias definidas derivadas de intereses e necesidades concretas, así como da adaptación a novas circunstancias socioeconómicas nas que o recurso a estas materias primas resposta máis a unha racionalización de esforzos que a ausencia dunha materia prima de calidade. A análise dos contextos arqueolóxicos e a realización de experimentacións en cuarzo, cristal de rocha e lousa teñen amosado que, en determinadas actividades, as materias primas locais se establecen como perfectos competidores do sílex e as outras materias primas criptocristalinas máis tradicionais. Os fíos naturais en cuarzo presentan unha resistencia equiparable e mesmo superior á dos instrumentos en sílex, como tamén sucede nas zonas activas abruptas, como as frontes de raspadeira. Pola súa banda, os protocolos experimentais teñen amosado con claridade que os proxectís de lousa serían perfectamente competitivos tanto en resistencia como en capacidade de penetración con aqueles fabricados en sílex, se ben ademais a súa fabricación resulta considerablemente máis sinxela e rápida. Esta sería a base por causa da cal se terían adoptado determinadas materias primas e por que a ausencia de sílex no territorio galego non se constituíu como unha limitación para o desenrolo socioeconómico das comunidades humanas da prehistoria recente. O mesmo pode afirmarse de determinadas solucións técnicas, caso da percusión bipolar sobre bigornia, a cal non supón simplemente a adopción dunha técnica como último recurso para a explotación dunha materia prima, o cuarzo, de difícil explotación mediante estratexias a man alzada. No marco dos conxuntos líticos do Noroeste a talla bipolar adquire unha entidade propia como estratexia produtiva destinada probablemente á redución dos custos de produción e do gasto de enerxía no marco dun contexto concreto de estres ante o paso cara unhas sociedades dun sedentarismo crecente. Por último, a análise de varios xacementos da prehistoria recente do cuadrante noroeste da Península Ibérica, e a súa comparación cos estudios previamente realizados por outros autores acerca de contextos do Paleolítico Medio e Superior desta mesma área, ten permitido evidenciar os trazos básicos da evolución das industrias líticas en materias primas locais distintas do sílex. Así, a partir do Paleolítico Superior e Epipaleolítico se produce importantes cambios técnicos que desembocarán nunha industria pouco desenvolvida tecnicamente e cunha estratexias simples en comparación cos momentos anteriores, desaparecendo na praxe o recurso a técnicas de certa complexidade como a percusión indirecta, mentres que non chegarían a desenvolverse outras como a presión; este feito se evidenciará nunha redución en ocasións drástica das estratexias microlaminares e a súa substitución por conxuntos de base lascar cun baixo grao de especialización e un escaso índice de configuración.