Edición e estudo dos documentos inéditos do mosteiro de santo Estevo de Ribas de Sil (século XV)

  1. Bouzas Rosende, Paula
Dirixida por:
  1. Ramón Lorenzo Vázquez Director

Universidade de defensa: Universidade de Santiago de Compostela

Fecha de defensa: 27 de setembro de 2010

Tribunal:
  1. Jens Lüdtke Presidente/a
  2. Henrique Monteagudo Romero Secretario
  3. Maria Ana Ramos Vogal
  4. Ana Isabel Boullón Agrelo Vogal
  5. Gemma Avenoza Vogal

Tipo: Tese

Teseo: 298666 DIALNET lock_openTESEO editor

Resumo

Edición e estudo dos documentos inéditos do mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil (século XV) Con esta edición e estudo dunha serie de documentos do século XV preténdese fundamentalmente contribuír aos estudos de gramática histórica. O modelo de edición máis axeitado para este fin é o interpretativo, que consiste na presentación dunha proposta concreta de lectura e que esixe, polo tanto, o desenvolvemento das abreviaturas, a emenda dos posibles erros gráficos dos notarios ou escribáns e a indicación dos trazos suprasegmentais do texto (como acentuación e pausas). No capítulo adicado aos criterios de edición especifícanse e xustifícanse as pautas de transcrición adoptadas, así como as distintas convencións gráficas que indican as mudanzas efectuadas nos propios textos. A colección está composta por 116 manuscritos redactados no mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil durante o século XV. Na meirande parte dos casos trátase de cartas de foro, a través das que se outorga un terreo a cambio de determinadas condicións e o pagamento dunha renda, pero na colección se atopan tamén un testamento e unha carta de nomeamento. Con respecto ao tipo de escrita, empréganse diferentes variedades da gótica cursiva que se diferencian entre si polo grao de cursividade e a frecuencia dos ligamentos entre as letras. As formas esenciais dos caracteres e mailos correspondentes valores permanecen estables durante toda a colección. No capítulo adicado ao estudo lingüístico dos documentos editados, inclúese unha descrición fonética e fonolóxica, por unha banda, e morfosintáctica, pola outra. Non se pretende facer un estudo exhaustivo dos fenómenos presentes na documentación, senón atender fundamentalmente a aqueles que resultan máis representativos ou que están sometidos a variación e resultan, polo tanto, relevantes á hora de establecer a natureza e cronoloxía do cambio lingüístico. No estudo fonético e fonolóxico descríbese o sistema e maila súa evolución a partir da análise das grafías. A parte adicada á morfosintaxe estrutúrase en función da clase de palabra e céntrase, non só nos aspectos relacionados cos elementos constitutivos destas unidades, senón tamén no relativo ao seu comportamento e integración en unidades gramaticais superiores. Por último, no capítulo adicado ás conclusións farase unha síntese da análise realizada nestes distintos niveis co obxectivo de amosar ata que punto a edición e estudo de pequenas coleccións documentais inéditas, limitadas no tempo e no espazo, pode contribuír a reforzar as investigacións xa elaboradas achegando novos datos sobre o desenvolvemento do sistema linguístico.