Isidro Parga Pondaldoutor en Ciencias : itinerario investigador

  1. Leonardo Docanto, Francisco J.
Dirixida por:
  1. Ricardo Gurriarán Director
  2. Juan Ramón Vidal Romaní Director

Universidade de defensa: Universidade de Santiago de Compostela

Fecha de defensa: 29 de outubro de 2013

Tribunal:
  1. Senén Barro Presidente
  2. Xosé Antón Fraga Vázquez Secretario/a
  3. Lourenzo Fernández Prieto Vogal
  4. Josep Lluís Barona Vogal
  5. María Mercedes Álvarez Lires Vogal

Tipo: Tese

Resumo

Neste traballo presentamos a biografía científica de Isidro Parga Pondal, o científico galego con mais proxección e impacto internacional na primeira metade do século XX, pese a Guerra Civil. Analizamos o seu itinerario vital, de produción científica e as súas investigacións, a variación temática das mesmas, os seus centros formativos e as persoas da comunidade científica internacional que nel influíron. En definitiva, o impacto que tivo o seu labor investigador e de aplicación ao desenvolvemento do país. O transcurso da súa vida investigadora está intimamente ligado ás súas diferentes etapas profesionais e vitais. Por iso incluímos unha contextualización de cada unha destas fases que permiten entender as características das publicacións nos diferentes anos. Nado no seo dunha familia da burguesía galega, o seu paso pola Universidade de Santiago, onde desempeñou o cargo de profesor auxiliar das cátedras de Análise Químico, Química Inorgánica e Química Orgánica, deixou unha fonda pegada (Gurriarán, 2004: 448). As súas relacións cos alumnos, aos que incorporou en varios dos seus traballos científicos, o seu interese por unha formación continua, as súas viaxes ao estranxeiro con bolsas de investigación ou as colaboracións con destacados investigadores (españois e estranxeiros) fixeron del un dos profesores de maior produtividade e calidade científica da Facultade de Ciencias de Compostela nos anos previos á Guerra Civil (Leonardo, 2010: 120) A súa relación con Seminario de Estudos Galegos, no que tivo un papel activo, tamén tivo vantaxes na súa carreira investigadora. A creación do Laboratorio de Xeoquímica, grazas á colaboración do Seminario e da Universidade, constituíu un feito destacado a nivel de España, ao ser o primeiro centro de investigación dese tipo fundado en todo o país. A súa expulsión da Universidade no ano 1936 interrompeu varias liñas de investigación que Parga estaba a desenvolver pero non significou o fin da súa carreira científica. Retomou progresivamente algunhas das súas investigacións xeoquímicas e traballos de cartografado xeolóxico, actividades iniciadas nos seus anos como profesor en Compostela. A súa actividade empresarial iniciada logo de 1936, viuse moi favorecida polos seus coñecementos xeolóxicos e xeoquímicos, grazas aos cales puido descubrir diferentes xacementos de interese: caolíns de excelente calidade, riqueza de titanio nalgúns areais galegos, importantes xacementos de calcaria que permitiron o establecemento da primeira cementeira galega, ... Desde o Laboratorio Xeolóxico de Laxe, fundado na súa vila natal, iniciou itinerarios por toda Galicia, actualizando a cartografía xeolóxica existente, que estaba chea de inexactitudes (Vidal, 2009: 73). Estes traballos foron realizados principalmente en colaboración con Instituto Geográfico y Minero de España, do que foi nomeado colaborador rexional no ano 1951 (Sos, 1953: 152). Coautor de trece follas do mapa xeolóxico de Galicia a escala 1:50.000, do mapa xeolóxico da parte NO da provincia da Coruña a escala 1:400.000 (1.956), do “Mapa petrográfico-estructural de Galicia” (1.963)... e así ata chegar ata a publicación en 1982 do Mapa Xeolóxico do Macizo Hespérico Peninsular. Desde Laxe Parga tamén coordinou o traballo das escolas europeas de xeoloxía, cuxas investigacións de detalle lograron avances importantes na cartografía xeolóxica galega. Xeólogos estranxeiros profundaron en aspectos que Isidro levaba anos estudando. A necesidade de intercambiar puntos de vista desembocou na creación das reunións de xeoloxía organizadas polo Laboratorio Xeolóxico de Laxe. A súa limitada estrutura organizativa non impediu o seu grande interese e novidade en España, nunha época na que non eran comúns as reunións internacionais de científicos. Estas reunións supuxeron o peche brillante da súa carreira científica. A súa coherencia ideolóxica, a súa humildade, o seu interese polo progreso científico e económico de Galicia e a súa admiración pola Universidade como institución fixeron del unha figura moi respectada en Galicia. Quedou como arquetipo de bo investigador, de tenacidade, de afán de superación, pero tamén do que puido ser, de anos perdidos na investigación universitaria e de carreira científica truncada polo Golpe de Estado.