O estado oculto(elementos para unha revisión da transitoloxía canónica, política e catolicismo na corporatización da función relixiosa en España)

  1. Araujo Cardalda, Laureano Xoaquín
Dirixida por:
  1. Xosé Luis Barreiro Rivas Director

Universidade de defensa: Universidade de Santiago de Compostela

Ano de defensa: 2008

Tribunal:
  1. Ramón Máiz Suárez Presidente
  2. Xosé Pérez Vilariño Secretario/a
  3. Ramón Cotarelo García Vogal
  4. Joan Botella Corral Vogal
  5. Salvador Giner San Julián Vogal
Departamento:
  1. Departamento de Ciencia Política e Socioloxía

Tipo: Tese

Resumo

Tras o Concilio Vaticano II, cuxos documentos cuestionaban radicalmente a ditadura española, a igrexa católica foi un dos axentes do campo político que máis contribuíu á crise final do réxime franquista. En efecto, a partir de 1965, e no prazo dun lustro, a igrexa foi quen de reinventar a tradición nacionalcatólica dando un xiro político que a conduciu a deslexitimar o réxime despótico e, simultaneamente, a lexitimar o novo campo político democrático, no que procurou asegurarse unha posición central. Unha vez alcanzado o obxectivo vital do cambio de réxime, a igrexa católica definiu de inmediato o seu novo obxectivo político: a defensa dos seus intereses no novo ordenamento institucional democrático de acordo cos parámetros do corporatismo moderno. Por unha banda, a igrexa foi constitucionalizada nunha mención expresa na lei fundamental, e, por outra banda, o concordato de 1953 foi substituído por catro acordos parciais asinados o 3 de xaneiro de 1979. Así, a igrexa católica logrou pactar co Estado un arranxo bilateral institucionalizado co que desenvolve unha actividade de intermediación de intereses e de implementación de políticas públicas de tipo mesocorporatista. Ao Estado, pola súa banda, preocúpanlle a gobernabilidade e a estabilidade política, o que explica a súa pretensión de controlar a capacidade de resistencia e de oposición da corporación católica mediante a negociación de decisións consensuadas a través da intervención da igrexa nos procesos lexislativos. A Constitución -especialmente o seu ambiguo artigo 16.3-, os acordos coa Santa Sé -firmemente incrustados no ordenamento xurídico- e mais a lexislación en materia relixiosa satisfán dun xeito óptimo a necesidade da igrexa católica de despexar do horizonte a ameaza da laicidade e de reinventar a tradición nacionalcatólica estatalizando a relixión, é dicir, creando e corporatizando -mediante a emerxencia controlada dun arranxo corporatista- unha función relixiosa do Estado. Ao mesmo tempo, a institucionalización da corporación católica, é dicir, a asunción de potestades delegadas do Estado, forza a igrexa a actuar en beneficio do sistema no seu conxunto. Deste xeito, a corporación experimenta unha desprivatización funcional e unha perda de autonomía: o Estado sométea a una fiscalización permanente, o que a obriga a medir en todo momento as consecuencias derivadas das súas demandas e do seu comportamento. O mantemento deste statu quo explícase polo interese que comparten o Estado e mais a corporación católica en que a súa relación de dependencia mutua siga a resultar beneficiosa para ambas partes. Porén, a rixidez institucional deste arranxo evoca as estruturas históricas dos réximes corporativistas e fundamenta a sospeita de que poderíamos estar ante un caso de corporatismo cerrado, cuxa compatibilidade coa democracia liberal é máis que discutíbel.