A reescritura do mito na novelística de materia clásica de Álvaro Cunqueiro

  1. Mariño Mexuto, Marta
Dirixida por:
  1. Helena de Carlos Villamarín Director

Universidade de defensa: Universidade de Santiago de Compostela

Ano de defensa: 2021

Departamento:
  1. Departamento de Filoloxía Clásica, Francesa e Italiana

Tipo: Tese

Resumo

A presenza de tramas e personaxes mitolóxicos na obra, tanto narrativa como poética, de Álvaro Cunqueiro, é constante e non se reduce só ao ámbito clásico, do que se ocupa este traballo, senón que aparecen importantes manifestacións dos mitos artúricos, celtas e mesmo da tradición árabe dAs mil e unha noites. De isto dan conta moitos dos títulos das súas novelas Las mocedades de Ulises, Merlín e familia, Si o vello Sinbad volvese ás illas e Un hombre que se parecía a Orestes, unha das novelas nas que se centrará especialmente este traballo de investigación. Ademais, unha obra non se circunscribe a un único mito, pois Cunqueiro mestura a miúdo diferentes tradicións mitolóxicas e Un hombre que se parecía a Orestes ou Las mocedades de Ulises, por citar aquelas de temática clásica máis evidente, non son unha excepción. Nestas novelas, o autor reinterpreta tamén dende o seu particular punto de vista elementos da novela amorosa bizantina, da novela de cabalarías ou da novela de formación (Bildungsroman), entre outros. Porén, este traballo terá como fin analizar de que forma reinterpreta Cunqueiro o mito clásico e, para isto, sinalaranse as diferenzas que existen con respecto do tratamento do mito, fundamentalmente na traxedia grega, pero tamén noutras manifestacións literarias que contribuíron ao establecemento das distintas fábulas nas súas versións máis coñecidas.