O(s) sentido(s) da(s) cultura(s)

  1. Máiz Suárez, Ramón coord.
  2. Villares Paz, Ramón pr.

Editorial: Consello da Cultura Galega

ISBN: 9788492923342

Ano de publicación: 2012

Tipo: Libro

Resumo

As culturas non se configuran nunca como totalidades suturadas, coherentes e inmutables, senón como conxuntos continxentes, fragmentarios e inconsistentes de prácticas e crenzas que evolucionan no tempo. As culturas resultan máis lábiles e mutables do que se adoita pensar, constitúen verdadeiros documentos activos, conglomerados de diferenzas refractarias a calquera forma de resumo, procesos dinámicos e abertos de recreación e resignificación, un continuo facerse e desfacerse. De aí que consideralas como sistemas de significado non implique a postulación delas como mundos cristalizados, pechados, e non contraditorios de sentido, pois as culturas son sempre, dun xeito ou doutro, acontecemento, continxencia, accidentes na historia. Ese esquivo conxunto de actitudes, crenzas e prácticas no que as culturas consisten resultan polémicas, contestadas no seu interior, pois son sempre plurais en interpretacións e susceptibles de diversas lecturas, versións e énfases. Toda cultura fala con diversidade de voces, constitúe un fluído proceso de interpretacións antagónicas, unha polifonía que non unha monodia, escenario plural de conflictos e contestacións constantes, unha urda de diferenzas e similitudes ordenadas só de xeito moi parcial. As culturas, por cabo, non están nunca soas, ata o punto de que a diversidade resulta menos debida ao illamento que as relacións que nos vinculan. Velaí as razóns polas que o nexo entre cultura e comunidade constitúe unha relación complexa: as culturas non son enteiramente congruentes con grupos de poboación e territorios dados e non resulta posible unha descrición indisputada, «obxectiva» da cultura dun grupo humano. O propio concepto de comunidade cultural ou grupo cultural devén así problemático, construído, relacional. Na vontade de debullar criticamente esta pluralidade das significacións da cultura no noso tempo, desde diversas tradicións intelectuais, olladas persoais e disciplinas académicas, desenvolveuse no Consello da Cultura Galega o abano de seminarios O(s) sentido(s) da(s) cultura(s). Este libro recolle a maioría dos textos presentados e discutidos devagar nas diferentes sesións realizadas nos últimos catro anos. Agavelalos nun volume conxunto permitirá non só recuperar a plural riqueza das diferentes achegas, tamén decatármonos dos sutís fíos argumentais que se entrecruzan e retoman en perspectivas moi diversas. Mesmo servirá, por riba, para facilitar ao público materiais que estimamos de interese para a reflexión persoal sobre tan capital dimensión, por constitutiva, das nosas vidas como seres en quimérica procura de sentido, nun mundo que nos sitúa unha e outra vez «fóra de lugar».