A Editorial Galaxiaproxecto e traxectoria 1950-1963

  1. Villanueva Gesteira, Maria Dolores
Dirixida por:
  1. Henrique Monteagudo Romero Director

Universidade de defensa: Universidade de Santiago de Compostela

Fecha de defensa: 20 de xaneiro de 2016

Tribunal:
  1. Xesús Alonso Montero Presidente/a
  2. Xosé Manuel Salgado Secretario
  3. María Xesús Lama López Vogal
  4. Ana Acuña Trabazo Vogal
  5. Xosé Manuel Dasilva Vogal
Departamento:
  1. Departamento de Filoloxía Galega

Tipo: Tese

Resumo

Presentamos como proxecto de tese unha aproximación á Editorial Galaxia, unha empresa que nace no ano 1950, en plena Ditadura franquista e que se mantén en condicións moi desfavorables durante todo ese período no que o galego estaba prohibido como lingua de uso nos medios de comunicación e na vida pública en xeral. Os seus obxectivos distaban dos dunha empresa ao uso, non procuraba ganancias económicas, senón culturais. A súa loita estaba baseada en dotar ao galego de foros de expresión, dunha norma de escrita culta, de prestixio social, en definitiva de encher algúns dos campos dos que a lingua fora arredada durante moito tempo. Serán obxecto de estudo desta tese os primeiros trece anos da editorial Galaxia: os anos fundacionais, de consolidación, de crecemento e de construción dun tecido social que perdura no tempo. Establecemos o período de estudo entre 1950 e 1963 porque constitúe a primeira etapa da editorial. A atención debe enfocarse sobre aspectos como as publicacións do momento, interésanos o número que se vai incrementando ano tras ano, pero tamén observar a calidade, é dicir, os temas que se tratan con maior frecuencia ou os autores que publican nese momento en Galaxia. A pretensión é facer un estudo rigoroso do sistema literario galego nestes anos de subsistencia complicada debido, entre outras cousas, á censura. Por esta razón hai autores que non se van reeditar e outros que están fóra de sospeita e que van gozar de maior predicamento. As traducións e o interese por certos xéneros vannos debuxar o sistema literario galego dunhas décadas que son o alicerce do presente. Tamén é de interese o estudo da norma empregada nas publicacións de Galaxia, pois hai unha tentativa de uniformizar e conseguir que a maior parte dos escritores galegos se axusten ao modelo da editorial, que ademais estará na base das normas posteriores realizadas pola Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega. Interésannos os aspectos lingüísticos ao igual que os sociais, a historia interna da editorial, os membros que a integraron neses primeiros anos, as ideoloxías que se desprenden dos seus discursos, os receptores desas publicacións, a súa distribución e moi especialmente o calado labor de concienciación, de participación na causa galeguista. Os dous apartados finais, previos á conclusión, estarán dedicados á presenza neste período da editorial Galaxia na cultura galega e no exterior. Galaxia tiña afán de influír no país, pero tamén fóra del, especialmente nos lugares onde había emigrantes e exiliados, pero tamén nos círculos da romanística europea. Todos os aspectos poden ser tratados con maior ou menor profundación dependendo tamén da súa importancia, que iremos vendo a medida que nos achegamos ao tema. Contamos como principal fonte bibliográfica coas publicacións da propia editorial, coa correspondencia escrita entre os seus membros, coa voz dalgún dos fundadores, coas novas dos xornais nos que se pode valorar a recepción e con todos aqueles papeis que estean na editorial que poidan botar luz sobre esta primeira etapa. Consideramos que estamos ante un proxecto ambicioso e interesante porque pode introducir novas claves dunha etapa próxima no tempo, pero aínda pouco estudada ata o momento. Preséntase como un vimbio moi importante na construción da lingua galega, do seu sistema literario, pero que vai máis alá ao ser unha empresa de gran significado histórico en Galicia sen a que non se pode ter unha perspectiva completa da lingua e da cultura galegas nestes últimos anos.