Valorización agronómica de residuos orgánicos na produción de cultivos forraxeiros

  1. Bande Castro, María José
Dirigida por:
  1. María Jesús Sáinz Osés Directora
  2. María Elvira López Mosquera Directora

Universidad de defensa: Universidade de Santiago de Compostela

Fecha de defensa: 01 de febrero de 2016

Tribunal:
  1. María Rosa Mosquera Losada Presidenta
  2. Socorro Seoane Labandeira Secretaria
  3. Antonia García Ciudad Vocal
  4. María José Poblaciones Suárez Bárcena Vocal
  5. María Isabel García Pomar Vocal
Departamento:
  1. Departamento de Producción Vegetal y Proyectos de Ingeniería

Tipo: Tesis

Teseo: 402066 DIALNET

Resumen

O VII Programa Ambiental Europeo (2013-2020), ao igual que en programas anteriores, dá prioridade a estratexias destinadas a converter a Unión Europea nunha “economía circular” impulsando a maior eficiencia no uso dos recursos e a conversión de residuos en recursos. A transformación que sufriu o sector gandeiro nas últimas décadas cara unha maior intensificación, implicou a xeración de gran cantidade de residuos, sendo a súa xestión unha das tarefas máis importantes a desenvolver dende o punto de vista medioambiental. Do mesmo xeito, unha das prioridades da industria alimentaria para mellorar a súa competitividade e sostenibilidade dos seus procesos produtivos, é a minimización dos residuos que xeran, así como o mellor aproveitamento de todos aqueles que se orixinan na súa actividade. O obxectivo deste estudo, levado a cabo durante catro anos nunha pradeira e outros tres anos nunha rotación de raigrás italiano-millo forraxeiro, foi coñecer e comparar o valor agronómico de distintos materiais orgánicos procedentes do sector gandeiro e agroindustrial (xurro de vacún, esterco de polo, lodo de industria láctea), fronte a fertilización convencional con abonos minerais nos dous aproveitamentos forraxeiros máis importantes no NW español, estudando os seus efectos na fertilidade do solo e na produción en cantidade e calidade en cultivo de pradeira, raigrás italiano e millo forraxeiro. Os resultados amosaron que os distintos materiais orgánicos empregados foron competitivos fronte ao abonado convencional a base de abonos minerais nos dous ensaios, aportando os nutrientes necesarios para o desenvolvemento rendible dos cultivos. Por outro lado púidose comprobar que a aplicación anual de 4500 kg ha-1 de esterco de polo deshidratado ou dose superior, tanto nun cultivo de pradeira como na rotación raigrás italiano-millo forraxeiro, ten un efecto encalante claro no solo, que se reflicte sobre todo na redución da porcentaxe de saturación de aluminio, comprobando que este parámetro é un indicador máis sensible e significativo que o pH para valorar dito efecto neutralizante. O xurro e os lodos de industria láctea non recapitalizaron o contido de materia orgánica a tan curto prazo, pero si a aplicación anual de 4500 kg ha-1 de esterco de polo deshidratado, que no cultivo de pradeira puido incrementar en 1-2 unidades porcentuais a materia orgánica do solo no período de estudo. Por outro lado demostrouse que a aplicación nunha pradeira durante catro anos consecutivos, de xurro de vacún, lodo de industria láctea e esterco deshidratado de polo, non modificou o contido en metais do solo. Ademais, todos os metais estiveron moi por debaixo dos límites máximos permitidos pola lexislación española e galega que afecta a aplicación de lodos en solo ácidos. En condicións limitantes para a produción dunha pradeira (seca estival, retención de P no solo), o emprego de Biof® e lodo de industria láctea proporcionaron maiores producións de forraxe, que se poden relacionar coa maior dispoñibilidade do solo en P e/ou especialmente co seu efecto encalante. Na pradeira, o lodo de industria láctea e o esterco de polo deshidratado, aplicados como fertilizantes, determinan unha composición química e unha dixestibilidade in vitro da forraxe cortada para ensilado similar á obtida coa fertilización mineral convencional. O esterco de polo deshidratado é un abono moi eficaz para a produción de millo forraxeiro en solos de baixa fertilidade inicial. A aplicación de 7500 kg ha-1 de esterco de polo deshidratado pode proporcionar entre un 25% e un 45% mais de materia seca en corte de ensilado, dependendo das condicións de cada ano de cultivo, respecto a fertilización mineral convencional. Na rotación de millo forraxeiro-raigrás italiano, o esterco de polo deshidratado, aplicado á dose de 7500 kg ha-1 no cultivo de millo e 3500 kg ha-1 no de raigrás, proporciona forraxes con composición mineral e química e con dixestibilidade in vitro similares ós producidos coa fertilización mineral convencional.