Atributos microbiológicos em solos cultivados com cana-de-açúcar (Sacharum spp.) en São Paulo, Brasil

  1. Gualter, Régia Maria Reis
Dirixida por:
  1. Eva Vidal-Vázquez Director

Universidade de defensa: Universidade da Coruña

Fecha de defensa: 14 de novembro de 2017

Tribunal:
  1. Antonio Paz González Presidente/a
  2. Montserrat Valcárcel Armesto Secretaria
  3. Zulimar Hernández Vogal

Tipo: Tese

Teseo: 518237 DIALNET lock_openRUC editor

Resumo

Os microorganismos están presentes en gran diversidade e abundancia no solo. Con todo, as actividades antrópicas, que resultan especialmente do uso e manexo inadecuado do solo, provocaron cambios na estrutura destas comunidades de organismos. O cultivo de cana de azucre, bastante extendido no Estado de São Paulo, aínda está pouco estudado en relación a posibles cambios na microbiota do solo debido a factores como humidade, temperatura, cobertura vexetal e abonado nitroxenado. Así, o obxectivo deste estudo foi avaliar os efectos de factores abióticos nas propiedades microbiolóxicas de solos cultivados con cana de azucre (Saccharum spp.). Realizáronse ensaios de laboratorio en condicións controladas, de cara a avaliar o efecto da temperatura e a humidade na microbiota do solo. Ademais, foron avaliadas dúas áreas de tocóns de cana de azucre nos municipios de Piracicaba e Jaú, ambos situados en São Paulo, nos que se estudaron os seguintes tratamentos: con ou sen N (0 e 150 kg ha-1), en forma de nitrato de amonio en dúas profundidades: de 0-10 e de 10-20 cm. Tomáronse mostras de solo para a análise da estrutura xenética das comunidades bacterianas e das propiedades do solo, incluíndo análises referidas á fertilidade, carbono e nitróxeno da biomasa microbiana, respiración basal, cuantificación de comunidades específicas de bacterias amonificadoras, nitritadoras, nitratadoras, e enzimas do solo. Os resultados foron sometidos á análise de varianza e test de medias e análise estatística multivariante mediante a análises de compoñentes principais (PCA), análise de planificación multidimensional non métrico (NMDS), análise de similaridade (ANOSIM) e correlación linear simple, pola proba de Pearson, entre as propiedades do solo estudadas. No experimento en condicións controladas, con diferentes humidades, con adición ou non de cobertura vexetal, e con aplicación ou non de nitróxeno, a respiración do solo e o qCO2 foron influenciados polo incremento das humidades, especialmente pola humidade 100% nos dous períodos de incubación do solo. O nitróxeno da biomasa microbiana correlacionouse coa palla de cobertura, independentemente da adición de abonado nitroxenado. O carbono da biomasa microbiana non foi influenciado polos tratamentos aplicados nos experimentos realizados. O perfil das comunidades bacterianas revelou unha alta correlación da humidade e da cobertura en posibles cambios na composición microbiana, sobre todo na humidade 100%. No experimento en condicións controladas, con diferentes temperaturas, con adición ou non de palla, e con aplicación ou non de nitróxeno, a respiración do solo e a relación C/N estiveron correlacionadas coa ausencia de palla e influenciadas pola presenza de abonado nitroxenado coa temperatura de 20°C. O carbono da biomasa microbiana viuse influenciado pola presenza da palla e pola temperatura de 30°C. De xeito xeral, o nitróxeno da biomasa microbiana foi influenciado primeiramente pola presenza da palla e secundariamente polo abonado nitroxenado. Nos experimentos en condicións de campo, a respiración basal foi o indicador máis sensible respecto ao cambio en profundidade na zona 1, mentres que o carbono da biomasa microbiana, o cociente metabólico e os nitratadores non foron influenciados pola aplicación dos tratamentos nas áreas estudadas. Os nitritadores foron correlacionados coa ausencia de nitróxeno na profundidade de 0-10 cm, mentres que os nitratadores e os amonificadores se correlacionaron co tratamento con abonado nitroxenado na profundidade de 10-20 cm independente da área avaliada.